Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Muxía pon en marcha a primeira máquina nebulizadora de toda a Costa da Morte


Este aparello permitirá intensificar as tarefas de desinfección en todo o termo municipal muxián.
O Concello de Muxía segue a intensificar as tarefas de
desinfección en todo o termo municipal. Hoxe poñía en marcha a primeira máquina
nebulizadora de toda a Costa da Morte, un novedoso aparello que permitirá
maximizar a desinfección e optimizar as condicións hixiénicas nos espazos
destinados ao seu uso.
Ademais, adquiríronse tamén unha máquina hidrolimpadora portátil e unha de
desinfección en ozono, específica para espazos interiores e vehículos. Está previsto
que mañá, venres 17 de abril, empecen a traballar por todo o municipio.
Logo dunha primeira quenda na que se desinfectaron por completo os espazos de
maior concorrencia de Muxía e as contornas de edificios como o Centro de Saúde, e
coas que tamén se levaron a cabo os traballos de desinfección dos colectores do
rural e do casco urbano, coa adquisición desta nova partida de maquinaria
intensificaranse aínda máis as tarefas de desinfección na loita contra o coronavirus.
O alcalde, Iago Toba, explicaba que “estes aparellos empregan unha tecnoloxía moi
novedosa e permitirannos dúas cousas: facilitar o traballo dos nosos operarios
municipais, que están a traballar arreo durante todo o estado de alarma, e chegar
ata onde antes non podíamos. É un salto moi grande na loita contra o coronavirus,
e así seguiremos para que isto remate o antes posible”, sinalaba o rexedor.